Entrevista a Marcos Teira
“Quero o flamenco pero non son fundamentalista”
Carme Vidal

Marcos Teira é compositor e guitarrista e así gústalle definirse. Adora a música e témolo visto tocando con Rodrigo Romaní, Uxía, Maite Dono, Cuchús Pimentel e tantos outros . É membro da Psicofónica coa que está presentando o disco Extramundi e do grupo Marful con Uxía Pedreira, pero con el falamos dun traballo que acaba de ver a luz co seu único nome. Punta de Cabío é o primeiro disco en solitario de Marcos Teira e nel a súa guitarra tórnase flamenca.


¿Como comezou interesarse polo flamenco?

Por casualidade. Cando cheguei a Compostela polo 87 xa tocaba a guitarra pero busquei un profesor para seguir estudiando. Coñecín a Cuchús Pimentel e ao mes seguinte xa estaba aprendendo técnica flamenca. Cuchús ademais de ensinarme a tocar ensinoume a escoitar. A guitarra flamenco está moi desenvolvida tecnicamente e é moi orixinal xa que tamén é percusión. Ademais, o flamenco ten algo que non me dá ningunha outra música.

É singular que un galego toque flamenco.

Singular por pouco frecuente pero a ninguén lle resulta raro que un guitarrista galego toque jazz ou bossa nova pero o flamenco quédanos máis cerca culturalmente que a música irlandesa ou o blues.

A cada pouco aparecen os “puristas” marcando a liña. ¿Que opina neses debates?

Vivo á marxe e non me interesa a polémica. Para min o flamenco é música. O purismo garda parte das esencias e niso é positivo pero non hai ningún tratado que diga o que é puro e o que non. Os artistas considerados hoxe puros polos flamencólogos eran transgresores no seu momento. Puros son agora Manuel Torres ou Manuel Vallejo, Camarón comeza a selo pero no comezo foi cuestionado. É cuestión de tempo.

¿Que poden opinar do seu disco nas catedrais do flamenco?

Non o sei, non estou pendente desas directrices. Quero o flamenco pero non son fundamentalista. Son composicións miñas baseadas nos ritmos e nasestructuras flamencas porque me gustou facelo así pero non lle dou máis voltas.

¿E como se recibe aquí?

O público sempre é receptivo e entusiasta, non sei se é polo novidoso. Hai quen di que é o que nos faltaba aos galegos facer flamenco pero iso non o oín en ningún concerto.

Digamos que o seu é un disco de flamenco marítimo.

Sempre me sentín moi de aquí, en especial, da Pobra que é onde están os meus recordos, a miñas xentes e a miña vida ata os 17 anos. Cando compuxen tomei como sensacións todo aquilo e o disco comezou tendo como idea as pedras da costa daquel mar.

A súa guitarra ten moitas cores, tanto toca flamenco como música experimental coa Psicofónica de Conxo, acompaña a Uxía Senlle ou Maite Dono...

Porque o que me gusta é a música. Normalmente os músicos de flamenco apréndeno na familia e é para eles algo case relixioso. Eu non teño nada diso. Hai cousas que me dá a Psicofónica de Conxo ou tocar con Uxía que non me dá o flamenco. Para min son ventás abertas que me liberan. Pásoo moi ben e sempre traio cousas de volta.

Neste disco é protagonista, noutros aparece como músico acompañante.

Para min é estupendo. O meu ego non se resinte para nada en ningunha das situacións.

Tamén da cursos de flamenco.

Din varios, para xente que se inicia. Explícolles que é un fandango ou como se tocan as palmas.

¿Palmea ben?

Palmear é moi difícil. É un instrumento que ten tres sons e facelo ben é labor dun percusionista profesional. Trátase dunha cuestión de ritmo e coñecer a linguaxe porque palmear nunha bulería non é o mesmo que nunha alegría.

¿Que son os paus do flamenco?

Como os da música tradicional galega. Teñen dúas características, unha o tipo de cante e outra o ritmo. No disco intentei que estiveran presentes os máis habituais. Hai dúas bulerías, unha alegría, unha colombiana, unha taranta,unha rumba e dous tangos.

A portada do disco é obra do artista Antón Lamazares.

Gústalle moito o flamenco e nunha conversa de hai tempo díxome, "os artistas facedes portadas moi feas, cando queiras encárgame unha". Chameino, mandeille o disco e el escolleu esta obra. O curioso é que cando eu a vin era como se estivese a ver a Punta de Cabío.

Imaxino que terá os seus músicos preferidos dentro do flamenco.

Como compositor e como guitarrista gústame moito Vicente Amigo pero o mellor, o que inventou esta outra maneira de tocar é Paco de Lucía. O que fago é un camiño que el abriu. Antes case non había solistas de guitarra.

¿Gustaríalle montar un cadro flamenco?

Precisa bailaores, cantaores e palmeiros que non hai aquí. Participei en varios espectáculos con xente de fora. Son realista e sei que é difícil. Só como exemplo está o problema que teño para atopar palmeiros para a presentación do disco que no escalafón dos integrantes do cadro non son os máis importantes.

¿A que cantaor lle gustaría acompañar? Pode soñar na resposta.

A todos os da miña xeración nos tería gustado acompañar a Camarón de la Isla. Era un innovador, un músico enorme, xenial. O que pasou con el foi tan extraordinario que non hai ninguén que rompera coa súa imaxe. Camarón gustáballe aos especialistas e ao público. Despois está toda a súa lenda.

Publicada en A Nosa Terra