Gañadores dos II Premios La Opinión no Teatro Rosalía da Coruña

II PREMIOS OPINIÓN 
Milladoiro encumbra o folk galego


I. Suárez / Fotos: V. E. / C. P. A Coruña

O Teatro Rosalía vibrou onte a ritmo de folk coa actuación de Milladoiro, grupo gañador da segunda edición dos Premios Opinión de Música Folk, concedidos por votación dos críticos e organizado polo diario LA OPINIÓN DE A CORUÑA. A iniciativa do xornal pretende honrar ós artistas que proxectan no panorama musical nacional e internacional o son tradicional galego. 

Nazaret López, presentadora da gala, fixo referencia á boa saúde da que goza a música galega: "A música galega ten gran recoñecemento. Faltriqueira e Susana Seivane foron portada da máis importante revista de folk e Anubía recibiu un premio en Italia. Isto demostra a proxección extraordinaria que ten a nosa música". 
López dedicou unhas palabras ó seu "amigo" Óscar Losada, coordinador dos Premios Opinión e "unha das persoas que máis sabe e que máis escribiu de música folk". A presentadora, ademais, fixo alusión á "transparencia do xurado, xa que todos saben a quen votan". 

O niño do sol, de Milladoiro; Luneda, de Laio e Aviouga, de Pepe Vaamonde Grupo, foron os traballos galardoados na segunda edición do certame, decisión referendada no só polo público que congregaron en cada un dos concertos que ofreceron este ano, senón tamén polos espectadores que acudiron onte ó Teatro Rosalía, entre os que se atopaban numerosos representantes da creación musical galega. 

Membros dos grupos Cempés, Doa, Faltriquira e Fía na Roca e Xosé Manuel Budiño non quixeron perder esta gala, patrocinada por Unión Fenosa e Gadis, na que Milladoiro e o grupo de música tradicional Ruote, coas súas actuacións, fixeron que a rixidez das butacas dun teatro de contando fose esquecida polo numeroso público. Tamén asistiron representantes do audiovisual galego, como os reponsables de Dygra e Continental, da discográficas DiscMedi e de Edicións do Cumio. 

O grupo coruñés Ruote abriu as actuacións con temas tradicionais como a Jota de Quemaidelos para, a continuación, tocar un vals e un pasodobre compostos por Manuel Pazos. O final da súa actuación, que estivo acompañada en todo momento polas palmas do público, un dos compoñentes do grupo recordou a catástrofe do Prestige ocorrida hai case un ano: "Non debemos esquecer o que pasou hai un ano, e menos mentres o chapapote siga chegando ás nosas costas". 

Trala actuación dos coruñeses, comenzou a entrega dos galardóns. O director de LA OPINIÓN, Francisco Orsini, fixo entrega do terceiro premio a Pepe Vaamonde Grupo. 

"Moitas gracias -dixo o líder da banda-. Este premio foi unha sorpresa principalmente porque o disco saíu no Nadal e foi en Xaneiro cando se lembraron de nós. É unha honra recibir un premio xunto con Laio e Milladoiro que consolidaron o sentir da cultura tradicional". 

O ano pasado supuxo o debut no mercado discográfico de Pepe Vaamonde Grupo. Vaamonde era ben coñecido na súa faceta de gaiteiro solista, mais decidiu darlle unha volta ó seu traballo como músico ó se incorporar a unha banda que traballase no eido da música folk. 

Non obstante, as pegadas da tradición atópanse moi presentes nas composicións que andan a cismar no miolo de Vaamonde, e iso nótase nos temas elaborados para o disco Aviouga. 

O segundo premio, que foi entregado por, Xurxo Souto, colaborador de LA OPINIÓN correspondeulle a Laio polo seu disco Luneda, o seu primeiro álbum. Un dos membros do grupo afirmou que é "moi bonito" recibir un premio. "É como unha palmadiña nas costas", indicaron. 

A formación desexou ademais que a segunda edición dos Premios Opinión "non sexa a derradeira", xa que consideran que "este tipo de iniciativas fan moita falta para impulsar a música galega". 
Laio estase a converter nun dos grupos "estrela" do panorama actual de música folk. Os membros de Laio coñecéronse cando tocaban na banda do gaiteiro Xosé Manuel Budiño e viron que os seus conceptos musicais ían nunha mesma liña, polo que decidiron embarcarse na aventura de formar unha banda que achegase algo distinto ó folk que se facía en Galicia.

Cun concepto vangardista e con certas derivacións cara a un espírito jazzístico, a música de Laio fíxose cun sitio nos Estados Unidos, país no que foron ben recibidos dende a primeira xira que realizaron por esas terras. 

Un dos momentos máis destacados da noite foi a entrega do galardón a Milladoiro, unha das mellores formacións no seu estilo. Son xa vintecatro anos de andaina nos que Milladoiro extraeron da veta da tradición galega eses sons que saben reinterpretar e adaptar á súa linguaxe musical con mestría. Mesturan as pezas lentas coas movidas e algunha composición propia na que subxace sempre esa sensibilidade que fai deles un grupo con certo espírito de clasicismo adaptado á música folk.

Xosé Ferreirós, membro do grupo, felicitou "as persoas que decidiron organizar estes premios nun campo no que é tan complicado sair nos medios" e mostrau a súa "gran satisfacción" por que a xente da crítica se lembre deles. 

"A piques de cumprir 25 anos, chega un momento en que pensas que non es capaz de facer nada novo, pero ves que se o fas. Ademais, para nós é unha honra compartir este premio cuns grupos primeirizos, dos que nos sentimos responsables por despertar ese amor pola música tradicional", indicou. 

A figura representativa dos galardóns foi creada especialmente para a ocasión polo artesán Salvador Hernández, un profesional que desenvolve a súa actividade na súa casa de Moráns, no concello de Arteixo, e que xogou coa idea dun instrumento, a harpa, para lle dar forma a estatuíña. 

A gaiteira Susana Seivane -que entregou o galardón a Milladoiro- foi a encargada de presentar a actuación do grupo. A artista rendeu unha homenaxe "ós homes que puxeron a semente do folk galego". 

"Cando souben que tería a honra de presentar ó berce do noso folk foi unha gran emoción. Nunca unha verba agachou tanto significado: Milladoiro, aqueles que guíaban polos camiños, a referencia a seguir. Estou orgullosa de presentar a aqueles que nos fixeron darnos a coñecer e quenes nos mostraron a nosa identidade como pobo", afirmou Seivane. 

Trala emotiva homenaxe, comezou a actuación de Milladoiro. O grupo fixo un repaso pola súa traxectoria, cun repertorio que incluíu temas como Muiñeira de Montesampaio, dun dos seus primeiros álbums e composicións posteriores como Voaría a Compostela ou O gran fonseca, para culminar cunha selección de cancións do disco que lles valeu o primeiro Premio Opinión, como Canto de Cego de Mondoñedo ou Sete Nanos. 

Milladoiro, Laio e Pepe Vaamonde Grupo únense ós gañadores do primeiro certame dos Premios Opinión. Foi o catro de outubro do ano pasado, coincidindo co segundo aniversario deste xornal, cando Berrogüetto, Fía na Roca e Susana Seivane recibiron os premios do primeiro certame. Naquela ocasión actuaron Berrogüetto e Fía na Roca que deixaron constancia da súa entidade como banda.


Noticia publicada no diario coruñés La Opinion o pasado 30 de Outubro de 2003