Radio Obradoiro celebra este xoves a final do
V CERTAME DE MÚSICA FOLK


Cinco grupos finalistas optan ó primeiro premio, a grabación dun cd.

A emisora Radio Obradoiro, do Grupo Correo Gallego, celebra este xoves no Teatro Principal de Santiago de Compostela a final do V Certame de Música Folk. É unha iniciativa que vai dirixida a grupos e solistas que no momento da convocatoria do concurso non teñan asinado ningún contrato discográfico. Despois do habitual proceso de selección, a cargo dos responsables do programa "En clave de folk", resultaron finalistas as formacións:

Árdelle o Eixo, Brendam, Lugnasad, Lumia e Xochilmica.

Cada un dos grupos interpretará este xoves tres pezas, alomenos dúas propias, no transcurso da gala. Un xurado especializado será o encargado de decidir quen leva o primeiro premio. Desta volta está composto por Pedro Pascual, Davide Salvado, Benjamín Otero (Huevo), Sonia Lebedynski e Lois Atanes. Mentres o xurado delibera, o público poderá desfrutar da actuación do grupo gañador na última edición, Grodan De Fló.

Trátase dunha iniciativa que partiu do programa "En clave de folk", presentado e dirixido por María Xosé Gómez e Paulo Gacio. Emítese os luns entre as 15:00 e as 16:00 horas, e logo da medianoite ás dúas da madrugada. Os gañadores das anteriores convocatorias deste certame, ó único que se celebra en Santiago, foron Alfolíes, Quempallou, Roi Xordo e Grodan De Fló. Para algún deles supuxo o empuxe definitivo. Por exemplo, Quempallou, co disco gravado no certame, conseguiu chegar ó número un da lista dunha prestixiosa emisora de radio de Canadá.

Con este tipo de proxectos, o Grupo Correo Gallego quere amosa-lo seu compromiso coa cultura galega, ademais nun ano tan significativo coma este Xacobeo 2004. O proxecto conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e o Concello de Santiago. Patrocinan Coca-Cola, Daviña, Phonos, Restaurante Belgo, Neumáticos Radial, Café Vivacce e Pub Momo.

A cita, xoves 13 de maio, ás 21:00 horas, con entrada libre, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Para máis datos contactar con María Xosé Gómez: 981 543 719 ou 676 965 976.